O Asalto ao Castelo supón unha lúdica recreación de pasados históricos, onde se mestura o teatro (acábase por “asaltar” o castelo) coa música (sempre de raíces étnicas) e a gastronomía (os bares e restaurantes ofrecen pinchos medievais.
O Asalto recrea as Revoltas Irmandiñas que tiveron lugar en toda Galicia e, particularmente, no Castelo de Vimianzo no século XV, momento no que o pobo se ergueu contra o poder abusivo dos señores feudais. Trasladando estas revoltas ao presente, o Asalto ofrece un amplo abano de personaxes e situacións que dalgunha maneira simbolizan as inxustizas do mundo moderno e amosan os problemas do mundo actual.
A representación adoita realizarse en clave de humor e conta sempre coa participación activa do público. Os asistentes convértense en asaltantes e comparten escena coa persoa guerreira, meiga, defensores e todos aqueles personaxes que se vaian creando para cada edición en historias diferentes. Estes personaxes guían aos participantes nun percurso físico cara ao castelo, onde se realiza a toma simbólica do mesmo.
O espectador pasa a sentirse un irmandiño máis, levándoo a vivir unha aventura fascinante: deixarase hipnotizar pola meiga, usará fachos para alumear o camiño, levará un ariete para romper a porta da fortaleza, loitará contra os defensores con globos de auga como única arma e deixarase encantar por cada un dos feitos que acontezan.
A representación teatral supón o eixo da festa no que se encaixan os concertos da noite, todos grupos de estilo étnico onde non pode faltar o folk. Porén, ao longo de todo o día os que se acheguen a Vimianzo teñen un grande repertorio de actividades ás que acollerse. Ademais do Asalto, durante todo o día hai actividades paralelas para pequenos e maiores, ambientadas, por suposto, na Idade Media. Entre elas destaca a gastronomía, cos Pinchos Irmandiños (tapas do século XV na hostalería local).
En definitiva, esta é a festa do Asalto ao Castelo, a festa dos Irmandiños. Unha festa referente no país e diferente ás demais feiras históricas: feita polo pobo e na que ninguén se sente estranxeiro.
Agregue este mapa a su sitio web;
Utilizamos cookies y otras tecnologías de seguimiento para mejorar su experiencia de navegación en nuestro sitio web, mostrarle contenido personalizado y anuncios dirigidos, analizar el tráfico de nuestro sitio web y comprender de dónde provienen nuestros visitantes.. Política de privacidad