Baía Edicións desenvolve 26 coleccións dirixidas ao público Infantil e Xuvenil, así como libros de natureza, cociña, narrativa, divulgación etc.
Baía Edicións desenvolve 26 coleccións dirixidas ao público infantil e xuvenil, que se concretaron nos máis de 170 títulos do actual catálogo infantil da editorial, algúns deles merecedores de premios. Nos proxectos dirixidos a esta franxa de idade, tenta sempre combinar o carácter didáctico das coleccións (Contos da igualdade, A aventura de vivir, Primeiros coñecementos de ciencia, Emocións, Pregunta á Dra. Peteiro, Guías de Iniciación, O meu pequeno animalario...) con outros con predominio lúdico-literario (Meiga Moira, Xiz de cor, Rodribico, Mar de letras, Grandes clásicos adaptados, Fabulando, A nosa historia de Pepe Carreiro, Barriga Verde infantil...), todos eles cun importante contido visual.
No ano 2004 pon en marcha o Premio Meiga Moira de Literatura Infantil e Xuvenil, alcanzando en 2016 a súa sétima edición, que se ten convertido un auténtico foro para autoras e autores novos que, en galego, dirixen as súas obras de creación a este sector tan importante da nosa poboación e do que depende, en boa medida, a supervivencia e futuro do galego como idioma de uso oral e escrito.
Desde os inicios aposta pola divulgación do medio natural, pois entende que o seu coñecemento é unha forma de contribuír á súa conservación e de promover un estilo de vida en harmonía coa natureza. Aposta que se concreta na colección Baía Verde, integrada por máis de 20 títulos ilustrados entre guías da natureza, guías prácticas e unidades didácticas, premiada, entre outros, en 2013 no seu conxunto co Mellor proxecto editorial concedido pola Federación de Librerías de Galicia. En 2007 a Guía dos mamíferos de Galicia logrou o Premio “Isaac Díaz Pardo “ ao Mellor Libro Ilustrado concedido pola Asociación Galega de Editoras. Nas nosas guías xúntanse rigor científico e valor divulgativo e sitúan a Baía Edicións e a literatura naturalista galega ao máis alto nivel e ao seu ilustrador, Calros Silvar, nos cinco mellores debuxantes naturalistas do mundo.
Promove unha colección de Gastronomía, iniciada coa obra de Nieves Feros Cociña caseira galega e que na actualidade conta con 9 títulos, algún deles premiados pola prestixiosa asociación internacional Gourmand World Cookbook Awards.
Desde os nosos inicios, tivemos clara a necesidade de impulsar o ensino en galego e desde Galiza, por ese motivo, ao longo dos anos e adaptados aos diferentes proxectos curriculares, ofertamos Libros de Texto feitos en galego e pensados desde Galiza por profesionais que coñecen a nosa realidade social e educativa e que, co tempo, fomos actualizando ás novas tecnoloxías, coa creación de libros educativos electrónicos e a plataforma Aula Virtual de Baía, coa que se dota dunha ferramenta áxil e permanentemente actualizada ás/aos ensinantes para facilitar o seu traballo pedagóxico e didáctico diario.
Asemade, promoveu o selo editorial Ártabro Editora para a publicación en español e participou na creación da distribuidora Consorcio Editorial Galego, da que se foi convertendo na única accionista, e que, na actualidade, conta na súa carteira de distribución co 80 % das empresas editoriais galegas.
Iniciou a internacionalización da empresa e promove a venda de dereitos a outras linguas, que se concretou na publicación por outras empresas de diversas obras en portugués, euskera, catalán, castelán e francés.
Agregue este mapa a su sitio web;
Utilizamos cookies y otras tecnologías de seguimiento para mejorar su experiencia de navegación en nuestro sitio web, mostrarle contenido personalizado y anuncios dirigidos, analizar el tráfico de nuestro sitio web y comprender de dónde provienen nuestros visitantes.. Política de privacidad