Plantexando unha alternativa ó actual encanamento do Sarria. www.plataformariosarria.org
twitter.com/PlatRioSarria
[email protected]
Foi daquela, naquel afastado 24 de febreiro do 2014, en que moito antes do amencer, 11 veciños de Sarria encadeáronse aos ameneiros da Illa do Toleiro para protexelos fisicamente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, e abofé que os protexeron.
Uns pediron os días no traballo, outros non tiñan traballo onde pedir o día, estoutros abandoaron durante 29 días e 29 noites os seus estudos e traballos. Eran poucos pero moi decididos e a Illa foise enchendo de xentes heteroxeneas pero sabedoras do seu deber de protexer a súa paisaxe. A Plataforma Sarriana polo Río, con todo en contra, xogou todas as súas bazas. 30 meses despois, 15 manifestacións e caceroladas despois, logo de queimar 0 contenedores, logo de centos de escritos e denuncias ante as administracións e xulgados, tras romper 0 caixeiros, logo da peregrinaxe a Compostela, despois de facer 0 pintadas, despois de máis de 500 escritos de alegacións ahí seguimos. Agora tócanos salvar a Ponte Ribeira que nos une, protexer o Camiño de Santiago e salvar a Sarria do caos anunciado pola CHMS.
Levaba a Plataforma xa meses mobilizándose daquela, recollendo 7.800 sinaturas e informando, eles si, aos veciños e ás xordas administracións implicadas sobre esta obra sen licencia municipal de obras, deste proxecto de encanamento que incumpre o plan de encanamento vixente aprobado en 2008 polo pleno municipal e Confederación xa que no Plan non se contemplan as motas urbáns feitas no proxecto.
Este proxecto vixente, así como o proxecto modificado seguinte, tamén incumpren os condicionantes da resolución de 2010 de non someter o proxecto a Estudo de Impacto Ambiental da Secretaría de Estado de Cambio Climático (Ministerio de Medio Ambiente), pero non só nestes 3 condicionantes senón porque tamén ésta refírese a que as motas só están comtempladas para os tramos non urbáns e non para a zona do Malecón.
Hai xa 365 días. Trala multitudinaria concentración do 23F en que o pobo de Sarria saíu á rúa a prol do río Sarria e en contra do proxecto e obras de encanamento, reunímonos na Unión para actuar ao amencer. Ensaiamos como encadearnos co cable dun micrófono, mercamos cadeas e candados na ferretería da esquina e intentamos durmir algo antes de meternos a protexer este hábitat prioritario prioritario de interés comunitario 91E0*, o noso bosque aluvial, o ameneiral atlántico de freixos e amenerios do río Sarria.
Esas inútiles, despilfarradoras, ilegais e absurdas obras que levan sembrado o caos na vila desde o 14/NOV/2013, si, nese mesmo fatídico día en que podiamos ler nos xornais a sentenza do Prestige. Nese día outra tolemia comezaba a acontecer en Sarria e todo para conseguir 10 pírricos m3/seg de capacidade de desaugadoiro que serán metidos nos barrios da Ponte Vella e Río Sol.
Ese 24 de febreiro demostrouse como escoita o alcalde de Sarria aos seus veciños. Naquel lonxano luns 24 comezaron a ilegal corta das árbores do Malecón. Aos centos de veciños que, de maneira pacífica e esperanzadora, se manifestaron un día antes no Malecón, o domingo 23F, para pedir a paralización inmediata das obras de encanamento do río Sarria, o Sr. Alcalde e a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil respondían arrancando as motoserras para iniciar a corta masiva das árbores. Ese é o patético diálogo dos nosos gobernantes.
Entrementres o Presidente da Xunta segue desaparecido sen dar a cara polas irresponsables actuacións da Consellería de Medio Ambiente e da patética inacción da Consellería de Cultura que non respostou aos nosos esritos e denuncias presentadas pola veciñanza e ao que lle obriga a lei de dereito de acceso a información ambiental. Dende abril D. Alberto Núñez Feijóo négase a recibir á Plataforma Sarriana polo Río. -Non se preocupe Sr. Presidente, xa leva a cidadanía máis de dous anos sustituindoo no exercizo das súas funcións. Xa nos facemos nós con ese valeiro de poder. Vostede estea tranquilo, de facer que se cumpran as leis xa se encarga a veciñanza aínda que nos vaia no lombo e nos petos.-
Agora a Xunta de Galicia está a cambiar todas as leis que incumpre o proxecto de encanamento para facilitarlle o camiño aos seus compañeiros da CHMS: o decreto que regula o catálogo galego das árbores senlleiras xa foi modificado, a normativa fitosanitaria de corta dos ameneiros por primeira vez en moitos anos irresponsablemente permite a corta todo o ano, xa cambiaron a Lei de patrimonio cultural que refundíu nunha soa a Lei 8/1995, do Patrimonio Cultural de Galicia xunto coa Lei 3/1996, de Protección dos Camiños de Santiago a pesar de que esta última foi aprobada no seu momento por unanimidade no Parlamento ¿Terá a culpa diso a Ponte Ribeira tamén? ¿Cal vai a ser a seguinte lei que se modificará no Parlamento de Galicia? Sen dúbida modificarán o artigo 6 da “Lei de protección, conservación e mellora dos ríos galegos” que reiteradamente leva incumprindo dende 2007 a CHMS.
As administracións implicadas (CHMS, Xunta de Galicia e Concello de Sarria) non escoitaron, nin sequera respostaron, aos informes críticos da comunidade científica da USC, dos expertos da Escola Galega da Paisaxe ou do Consello da Cultura Galega (Asesores da Xunta de Galicia).
A pesar de cambiar as leis e aos consellleiros de Cultura e de Medio Ambiente implicados no encanamento do río Sarria, o que esquece o noso Presidente da Xunta, o Sr. Núñez Feijóo, e que as novas leis e normativas non teñen efectos retroactivos e que tamén se están a infrinxir reiteradamente varias leis estatais e ata 7 directivas europeas que foron denunciadas na Comisión Europea no pasado 2014.
Nunca imaxinamos que fose tal a capacidade do río Sarria para lexislar.
A día de hoxe, o certo é que en Sarria non se pode exercer a democracia. Si, así é. Inxenuos de nós que pensabamos ao comezo desta viaxe que viviamos nun estado democrático de dereito. Cando pides autorización para unha manifestación o Alcalde/a de Sarria intenta impedila como así o intentou na última que fixemos en outubro 2014. Que poñemos unha pancarta, pois por primeira vez en 40 anos de democracia o Concello adicouse a retirar sistematicamente unha pancarta da rúa. Que resulta que o pobo de Sarria maniféstase espontanemente contra o desaloxo da Illa, pois o Subdelegado do Goberno abre expedientes e sanciona económicamente aos que se lle ocorre usando espureamente ás forzas da orde.
Uns días antes da nosa chegada á Illa do Toleiro en 2014, o Alcalde de Sarria anunciara a posta en marcha dunha campaña informativa sobre o proxecto de encanamento pero as obras xa levaban 3 meses en marcha. Sen embargo, nese mesmo intre o Sr. Alcalde sabía perfectamente que a orde de comezar a corta o día 24/feb/14 estaba dada e que, aínda por riba, a data límite para termiñala tiña que ser o 28 de febreiro, data na que comezaba o período de cría das aves do río, que nese ano 2014, se non o impediamos, ían quedar sen casa. Daquela xa entendimos por que o noso alcalde, D. José A. García, non pensaba informarnos ata marzo e iso que as obras xa levaban varios meses en marcha. (nunca o fixo ao final).
¡coma se os merlos rieiros, chochíns, garzas reais, pitos reais, parrulos salvaxes, lavandeiras, … soubesen ler as ordenanzas e as normativas de la Xunta!. Se non tivéramos parado esa corta irracional e inxustificada, en poucos días nin os paxaros, nin as ras, nin as lontras, nin o mexilón de río (especie en perigo de extinción atopada na Illa) nin ningún bicho vivinte, terían xa onde meterse. E habería un bosque de ribeira menos no planeta. Menos ameneiros limpando o aire, nitroxenando o chan, protexendo as ribeiras, en definitiva facéndonos a vida máis fermosa aos cidadáns. Os beneficios do arboredo nas vilas están amplamente recoñecidos entre a comunidade científica, xa que regulan a temperatura, limpan o aire, fixan as partículas de po, absorben CO2, dióxido de azufre e outros contamiñantes e compoñentes da chuvia ácida e melloran o confort. A isto hai que engadir os beneficios sociais, o máis evidente o estético ao crear contornas máis verdes e paisaxes máis brandas dentro das cidades, pero existen outros de tipo psicolóxico moi importantes, como a creación de lazos na comunidade, o benestar psíquico ou a redución do estrés. Por outra banda o casco urbán de Sarria non conta precisamente cunha dotación de zonas verdes proporcionada á súa dimensión e poboación, estando alonxada dos estándares recomendados pola Organización Mundial da Saude.
Mentres algúns ficaban a mirar dende a barreira, menos mal que alí estaba pasando frío e mollándose polo río esa veciñanza protexendo a sombra dos ameneiros mentres as administracións “disparaban con polvora do rei”. E agora que?, pois unha vez que a cidadanía sustituíu á administración e salvou o ecosistema do río, deste corredor ecolóxico de primeira magnitude que conecta o LIC Ancares-Caurel coa Reserva da Biosfera Terras do Miño; de hoxe nun mes, o domingo 22 de marzo á 1:00, a Plataforma Sarriana polo Río invita aos sarriaos que recentemente presentaron máis de 500 escritos de alegacións ao Proxecto Modificado de Encanamento, aos máis de 160 comercios que tamén as presentaron, eses que levan uns cantos anos xa coa auga ao pescozo e que se tiran a ponte principal de Sarria ven os seus negocios “afogados”, a concentrarse para salvar a ponte de Ferro da Rúa Calvo Sotelo e evitar que o caos se apodere de Sarria de novo.
Agregue este mapa a su sitio web;
Utilizamos cookies y otras tecnologías de seguimiento para mejorar su experiencia de navegación en nuestro sitio web, mostrarle contenido personalizado y anuncios dirigidos, analizar el tráfico de nuestro sitio web y comprender de dónde provienen nuestros visitantes.. Política de privacidad